Cústache soltar o corpo por vergoña

Artigos recentes

Cústache solta-lo corpo porque tes vergoña?

Non bailar por medo a facer o ridículo é máis frecuente do que eu pensaba. Realmente, é unha pena que deixes de disfrutar de algo que che sentaría ben e que che pide o corpo. Así que vou tratar de poñer remedio cuns conselliños.

Como desfacerse da vergoña para dar o paso e poñerse a bailar?

Para tratar a vergoña por un lado debemos abordar a cadea de pensamentos que hai detrás desas situacións vergonzosas e por outro lado temos que abordar a práctica do baile.

  1. Pensamentos sobre a vergoña 🤔

Invítote a que reflexiones por que sentes vergoña, antes de continuar lendo (ou escoitando o audio que tes un pouco máis abaixo)

Eu cheguei á conclusión de que sinto vergoña cando por un lado eu creo que estou facendo algo indebido e que por outro lado hai persoas que o están xulgando así.

Realmente, ambas consideracións son presuncións miñas. Non teño forma obxectiva de aproximarme a elas e por tanto cabe a dúbida de si será certo. Será certo que estou facendo algo indebido? Será certo que esas persoas se fixan en min e me están a xulgar así?

Hai un filón, unha brecha por onde entra esa posibilidade na que nin estás facendo algo indebido, nin ninguén te está a xulgar.

Polo menos, date o beneficio da dúbida 🤷🏽

Acaso ti nunca viches a alguén que ó teu xuízo estaba facendo o ridículo, pero tamén vías claramente que esta persoa estaba en todo o seu esplendor? Ou acaso nunca pasaches por unha situación que para ti era ridícula e para a que sentiches vergoña e resulta que ninguén se enterou? Ou non o apreciaron así?

En fin, que pasamos por situacións que para nós son vergonzosas e que para os demais son inexistentes, graciosas ou cas que aprenden algo que agradecen.

Así que, a tarefa namber guan é desfacer esa cadea de pensamentos. Quizais acontece tal e como ti o consideras pero quizais non.

  1. Práctica e confianza 💃🏽

Creo que non é posible sentirse segura dunha mesma na cuestión X e sentir vergoña facendo ou vivindo esa cuestión X.

Posiblemente si sentes vergoña ó bailar é porque non te sentes segura nesta materia. Pensarás que eres torpe, e que bailas tan mal que toda a xente te vai mirar e rirá do ridículo que fas.

Tamén creo que sentimos vergoña ante aquelo ó que lle outorgamos importancia. Si non me importa trabucarme durante un discurso, non sentirei vergoña cada vez que me trabuco…

Daquela, se sentes vergoña ó bailar e non podes soltar o corpo por este motivo, temos aquí un indicativo de que para ti bailar é algo importante.

Pode ser que creas, como pensaba a miña parella con 16 anos, que en materia de baile ou se nace sabido ou non se sabe bailar; que ou se che da ben ou non se che da ben. E punto. Non hai volta. Si non se che da ben, non tes nada que facer. Que che falta un gen de saber bailar ou algo así…

Desfaite desa crenza. O baile apréndese. Podo concederche que haxa persoas que teñan máis facilidade ca outras, pero ata aquí.

Daquela, si a túa vergoña procede de non saber moverte, unhas clases remediarían isto. Aprenderías a moverte, a bailar, pero o máis importante é que gañarás confianza en ti e daquela atreveraste pouco a pouco a bailar en público e ver que o mundo sigue xirando.

Xa, pero quen vence a vergoña de estar en clase e ser o pato máis pato?

Inda non vivín un só caso dalguén que entrara con vergoña e non se lle fora.

Veñen alumnas a clase con vergoña. Teñen un freno á hora de poñerse a bailar e nas primeiras voltas sempre hai distancia cos músicos. Pero ó final, temos tanto de que estar pendentes que simplemente non tes tempo de preguntarte si estás facendo o ridículo e de si alguén se enterará.

E melloras, claro. E gañas confianza, claro. E comezas a bailar en público, claro!

Así que, non esperes a que se che quite a vergoña para ir a unha clase. Será nelas onde romperás a túa primeira barreira.

Con todo, pódoche axudar mediante o razoamento a que veñas con menos vergoña: as demais alumnas están aprendendo, todas teñen algo que traballar e todas pasaron por momentos de dificultades e trabas. Ademais de que cada unha ten abondo co seu, ningunha está cun dedo apuntador sinalando as veces que se che moveu o brazo dereito cando tiñas que mover o esquerdo.

Polo menos nas miñas clases non pasa isto. Nin en ningunha clase na que eu fora alumna.

É máis, da vergoña pasarás a poder equivocarte, recoñecerte graciosa e rirte sanamente de ti mesma, ca tranquilidade de que esa dificultade é transitoria e sairás con éxito si practicas.

Ó ir a clase, ademais de romper a barreira de bailar con outras persoas (este xa é un paso moi grande) vas conseguindo a mestría do movemento e despois soltarte nun bareto serache máis fácil.

Isto que che conto, non é ficción, xa ten acontecido. Hai pouco tempo, unha alumna me relatou xusto isto (que foi tamén un detonador para que eu fixera este post concretamente).

Como a vida de cada unha é diferente, quizais non teñas a posibilidade de ir a unha clase, así que aquí che presento unha alternativa.

Non te vas librar de ter que aprender, pero podes facelo na túa casa, pola túa conta.

Supoñamos de novo que como sentes moita vergoña, nunca bailas.

Nunca?

Tampouco nunca bailaches na túa casa, no teu cuarto a solas? Espero que si!

Aproveita un espazo no que esteas tranquila e segura de que ninguén vai entrar. Busca un momento no que ninguén estea na casa, que ninguén saiba que vas estar bailando. Prepara as túas cancións favoritas. Aquelas que te arrancan a bailar (inda que te frene a vergoña) e déixate ir, baila!

Por que me gusta esta situación? Porque neste caso, non hai miradas. Bailas polo teu pracer, pola túa diversión, espállaste. Perfecto.

Como é cuestión de práctica, cada vez terás máis confianza no teu corpo. E estaría moi moi ben que che importara un pepino o que outras persoas pensaran de ti (pero vale, isto tamén é difícil).

Na túa soidade, tamén podes poñer vídeos con pasos que che gustan e aprendelos. Recorda que é cuestión de práctica e que quizais con catro pasiños simples e básicos consegues soltarte logo nunha festa. Si queres aprender uns pasiños básicos de Danza Malinké tes onde escoller aquí.

Supoño que che gustaría vence-la vergoña cando estás con outras persoas. Como dar o paso?

Unha vez que practicas na casa, que sabes o que é desfrutar do baile, proba a soltarte nos ambientes máis “seguros” para ti. Entre os teus colegas máis respectuosos e si acaso aproveita cando chega ese momento no que cada un/unha está desbocada/o 😉

Ah, ter colegas desbocadas xoga ó teu favor, si hai alguén que levará máis miradas, serán esas persoas. Aproveita para bailar ó teu rollo. A ver, si comezas a facer aspaventos cos brazos igual desvías a atención a ti, pero con movementos máis suaves ninguén te mirará (e si te miran é porque xa che tiñan o ollo botado, aproveita 😉

Estou de broma, pero en serio. É unha pena que por vergoña non goces da túa danza. É necesario que vivas nalgún momento esa vértigo e que logo normalices, que vexas que non pasou nada, que non foi unha catástrofe. Non esperes a acadar a perfección, porque non existe. Non deixes de bailar si é algo que che gusta.

··  ··  ·· ··  ··  ··  ··  ··

En resumidas contas:

  1. Desfaite da cadea de pensamentos: bailo mal, todo o mundo me mira e pensa que bailo mal.
  1. Aprende a bailar indo a clase ou practicando na casa.

Ata a semana!

P. D. Xa vou rematando ca serie, só me queda aconsellarche sobre como soltar o corpo si te frustras, temazo! Queres que cho mande ó mail? Pois déixame o teu enderezo aquí!

Próximas ocasións para bailar:

  • En abril comezamos trimestre novo, xa sabes que é o momento para incorporarte si non o puideches facer ata agora. Aquí podes facer a túa inscrición. As prazas adxudícoas por orde de inscrición e só será posible inscribirte antes de abril.
  • Si non me coñeces e queres probar unha clase, tamén poderás facelo na primeira semana de clase. Anótate aquí!
  • Información actualizada sobre os próximos cursos intensivos aquí.