Cústache soltar o corpo por exceso de control

Cústache soltar o corpo? Caso 1: Exceso de control

A semana pasada fíxenche unha pregunta simple: cústache solta-lo corpo?

Aquí respondes un Si, un Non ou un Depende das circunstancias.

Tamén te convidei a raíz desa mesma pregunta que buscaras o porqué, a causa fundamental que che está impedindo soltar o corpo.

Tendo en conta a miña experiencia persoal e laboral, teño identificado 5 casos distintos que nos impiden soltar o corpo (seguramente haxa máis).

Nesta semana e nas seguintes catro semanas, profundizaremos en cada caso e pasaremos á práctica para aprender como soltar o corpo!

O caso que vou tratar hoxe é aquel no que hai Exceso de Control

Este será o teu caso si realmente tes un bo control corporal, dominas unha técnica, eres capaz de aprender a mecánica dos movementos con facilidade.

Pola contra, tes dificultades cando se trata de movemento libre, descontrolado, sen pautas, cando é preciso que poñas algo teu, xenuíno ou sentes que che falta “flow”.

Con esta casuística, o exercicio que coñezo que che axuda a soltar o corpo chámolle “A boliña”.

Recoméndoche unha música para facer este exercicio que atoparás cara o final do post.

Explícocho en audio ou se queres podes seguir lendo 😉

A boliña:

Coñeces a bola de Harry Potter, Snitch? Esa que ten as, que se move rapidamente en tódalas direccións?

Se non a coñeces, sabes ese arroute que lle dan ós cans que corren rápido e cambian de dirección seguido?

Pois o que vai pasar é que:

(1) A boliña de Harry Potter (ou un can en miniatura) vai entrar polo teu corpo e percorrelo. Por alí por onde estea vai provocar movementos descontrolados, espasmódicos.

(2) Ó cabo dun rato, non che vou poñer eu un cronómetro, entrará unha segunda boliña polo que terás dous focos de movemento toleante 😉

(3) E ó cabo doutro rato terás o corpo cheeeeeeeo de boliñas e ti toda serás un espasmo!

Estarás obrigada a peder o Exceso de Control que normalmente te acompaña!

Aviso, que este exercicio cansa un guevo. Así que si acabas como si nada, seguramente che faltou brío.

Prefiro non poñerche ningún vídeo para non condicionarte, porque ó fin e ó cabo, o exercicio resulta diferente entre as persoas.

🎶

Así que proba isto ca música que che propoño “Cabalgata para las Valkirias de R. Wagner

🎶

··   ··   ··   ··   ··   ··  ··

Podes gravarte, porque así por un lado seguro que che entra a risa ó verte facendo o gandul (e está moi ben rirse dunha mesma) e porque poderás verificar si se “ve” a boliña percorrendo o teu corpo.

É útil verte tamén porque si o exercicio se trata de descontrol, si observas en ti movementos que  identificas e patróns coñecidos é que non perdiches en demasía o Exceso de Control.

É normal, o corpo vai ós camiños que xa coñece e para realmente descontrolar hai que deixar a cabeza moooooito á marxe, o cal é moi difícil. Cantas máis veces o repitas, mellor farás o exercicio. Coma sempre, aquí tamén é cuestión de práctica.

E antes de despedirme, quería facer unha reflexión:

As actitudes que temos na danza, en moitos casos son as mesmas actitudes coas que afrontamos a nosa vida. Ó fin e ó cabo, quen baila es ti, a mesma que vive.

Daquela pregúntoche si tamén na túa vida tes Exceso de Control, si tes a necesidade de controlalo todo, si te incomodas ou te volves ansiosa ante os imprevistos, sorpresas…

Realmente non sei si existe esta relación entre danza e vida, porque pode ser que necesites controlar certas cousas pero noutros ámbitos sexas puro flow…

Si te identificas, si te consideras controladora, teño outra pregunta para ti: esta necesidade de control apórtache alegría, felicidade, calma, sosiego? É un aspecto de ti co que che gusta vivir?

Si sentes que sería mellor cambialo, creo que o exercicio che poderá axudar. Unha vez que sentes certa gratitude ante o descontrol, pódeche ser máis doado abri-la man ante outras circunstancias da túa vida.

Unha vez que vives esta situación descontrolada na danza e observas que todo vai ben, que neste descontrol descobres aspectos novos, abres camiños; quizais te atrevas a facelo noutras facetas da túa vida.

Seguro que en internet hai miles de consellos tipo coaching ou crecemento persoal que te poderán enriquecer. Eu non son a persoa axeitada, pero quizais a través da danza son quen che da o pistoletazo de saída.

Espero que che valla o exercicio, que o pasaras ben e que aprenderas algo novo!

Ata a semana!

P. D. Xa sabes que podes facer crecer esta comunidade (a de persoas que se achegan á Danza Malinké e que enriquecen as súas vidas) compartindo este post! Agradézocho!

Déixoche aquí os posts xa publicados que forman parte da serie «Cústache soltar o corpo»

Cústache Soltar o Corpo?

Próximas ocasións para bailar:

  • Información actualizada sobre os próximos cursos intensivos aquí.