Ves de viaxe a Benín? A ruta dos escravos en Ouidah

Ves de viaxe a Benín? A ruta dos escravos (escravizadxs)

As cifras falan de que 80.000.000 de persoas saíron do porto de Ouidah como escravizadas cara América.

Oitenta millóns de persoas, si. Non me equivoquei nos ceros.

Oitenta millóns de persoas, si. Máis que a poboación da Península Ibérica, máis que Francia e Portugal en conxunto.

[teño información nova, parece imposible que fosen esas cantidades tan sólo si pensamos na poboación que habitaba todo o continente. As cifras oficiais que saen de historiadores din que do porto de Ouidah poderían ter saído en torno a 5.000.000 de persoas escravizadas. A cifra segue a ser un espanto. Nesta referencia hai moi boa información : https://slavevoyages.org/assessment/estimates . Maio de 2021]

É duro, si.

Ouidah, a vila onde fixemos o curso en Benín, é unha vila turística por dous motivos principalmente: porque a cultura Vudú está moi viva e porque de Ouidah saían os barcos dos portugueses cargados de escravos cara América, o caribe, as antillas… (diáspora)

Sobre o Vudú xa recibiches información abondo, non? Hoxe quero levarte comigo á “Ruta dos Escravos”.

Nun mail anterior dicíache que esta é tamén a nosa historia. Historia como humanidade, obviamente, pero tamén historia do país no que vivimos. Persoas espoliadas para espoliar recursos. Enerxías e recursos sobre os que se sustenta o noso benestar.

Non vou profundizar neste tema, sería un post moooi longo. Casi prefiro que veñas comigo a facer a ruta e que si che apetece recapacites sobre esta conexión.

Aquí podes facer a ruta comigo, a través de imaxes e palabras!

Fixemos a ruta dos escravos ó revés; é dicir, comezando polo lugar de onde partían os barcos, a “Porta de Non Retorno” e rematando na praza “Chachá” onde se mercaban.

Así que, do revés cha vou ir contando.

6. Porta de Non Retorno

Agora hai un monumento para conmemorar a todas estas persoas que foron víctimas da escravitude. A “Porta de Non Retorno” sitúase no lugar dende o cal inda tiñan que camiñar case un kilómetro para subirse no bote que os levaría ó barco, que terá por rumo América ou o Caribe ou as Antillas. Ou sexa que realmente non é o final da Ruta dos Escravos.

O mural principal trata de escenificar toda esta distancia, ves? Hai dúas ringleiras de persoas e no medio un gran navío.

Sobre as columnas, hai personiñas, non sei si as podes distinguir. Son personiñas, porque están de xeonllos homes e mulleres, representando as penosidades polas que pasaban antes da penosidade maior que sería a viaxe infinita (para os tantos e tantas que morrían durante a travesía).

A porta foi construída por Fortuné Bandeira. De onde cres que é este home? Portugués? Ironías da vida. Este arquitecto é beninés, pero porta un apelido portugués que fala, precisamente, dos tempos da escravitude xa que foron os portugueses quenes comerciaban cas persoas dende Ouidah.

Ah, e como empezo polo final, pois tamén che conto aquí cando finalizou a trata. Ti que cres?

Foi no 1848.

E oficialmente comezou cando? Veña bah, hagan sus apuestas… O Papa Nicolás V permitiu oficialmente a trata en 1454.

Botamos contas e son 400 anos, catrocentos anos, catrocentos anos!!

En fin…

Porta de Non Retorno

5. Árbore do Retorno

Que importantes son as árbores, canta historia gardan e que ligada está a nosa historia á delas…

Antes de chegar á Porta de Non Retorno, no seu camiño cara ela no que hoxe é a Ruta dos Escravos, as e os cautivos achegábanse á Árbore do Retorno.

Para que a súa alma, unha vez morreran, non deambulara por lugar calquera, estas persoas contornaban tres veces esta árbore. Desta forma a súa alma voltaría ó seu fogar e acompañaría a seus familiares.

Tiñan medo de que as súas almas quedaran perdidas no inmenso océano ou ben que de tan distante que era o destino, non souberan voltar.

Polo menos, o descanso final que fora entre a familia e na casa, non?

Árbore do Retorno - Ouidah

4. Zounbodji, a Fosa Común

Sinto non ter ningunha fotografía deste lugar que recordo bastante ben polo impacto que causa.

Como te imaxinas unha fosa común? Pois isto era unha explanada de cemento de seis metros de ancho cun mural no medio. A altura deste mural relaciónase ca profundidade da fosa. Como cres que era de profunda? 2 metros? 5 metros? Chegaba ós 10m.

A esta fosa ían parar tódalas persoas que tras estar hacinadas á espera de que haxa “mercancía” suficiente para encher un barco ou á espera do navío, non resistían. Tiraban a esta fosa tanto ás que morreran, como as que estaban enfermas ou demasiado débiles.

Pero acaso serían tan duras as condicións de hacinamiento?

Seguinte parada:

3. Casa Zomai

Zomai significa: onde a luz e o lume non entran.

Así, como casa casa… non parece moi habitable, non?

Hoxe é un edificio de cemento sen rematar, pero no pasado creo que era máis parecido a chozas continuas ou máis ben, si a idea é evocarnos, eu pensaría máis en cortellos.

Porque como bestas que trataban a estas persoas.

Hacinadas, por suposto, foron sometidas a torturas varias que pasaban por non alimentalas e darlles auga non potable. Os máis rebeldes eran encadeados e mesmo lles puñan na boca un trozo de madeira para que non puideran berrar. Coma as bestas, xa cho dixen.

Recórdoche que a temperatura media de Benín é de 32ºC.

Canto tempo te imaxinas que podían pasar nesta “casa”? Fágoche estas preguntas, porque seguramente te quedes corta nas barbaridades que se podían chegar a facer.

Pois dous meses.

E os que non resistían, á fosa.

É interesante un mural que hai na entrada deste lugar porque trae escenas de en que condicións viaxaban as e os escravizados.

Juraría que tiña unha foto desto porque sabía que tiña algo que contarche. Hai un debuxo/escultura que representa o barco visto dende arriba e vense dentro ás persoas tumbadas. Neste debuxo se intúe que están todas boca arriba.

O noso guía non nos ía contar o seguinte, pero eu xa tiña información doutras fontes. Resulta que non estaban todos boca arriba. De feito non había ningún boca arriba. Refírome ós homes. As mulleres boca arriba e os homes boca abaixo.

Para que? Pois para fornecer de favores sexuais ós patróns.

Sinto contarcho con tanta crudeza, pero non quero suavizalo.

Que pasaba antes de chegar a Zomai?

Case Zomai - Ouidah

2. Árbore do Esquecimento

A lenda conta que o rei de turno (non é con afán de desprestixiar, é que non din co seu nome), alá polo século XVII plantou unha árbore para levar ós e ás cautivas.

O propósito era que tras contornar esta árbore (os homes nove veces e as mulleres sete, porque se pensaba que se correspondía co número de costelas) as persoas esquecían o seu lugar de orixe e as súas familias e así se comportarían de forma máis sumisa.

Este rei de turno non era portugués por si estabas pensando nesto, era o rei local. Si, sen a complicidade dos mandatarios locais, isto non tería sido posible.

1. Praza Chacha

Supoño que ti terás en mente (por películas) os mercados de escravizadxs.

En Ouidah a venta de escravizadxs facíase nesta praza.

Si recolle este nome é debido a un regresado brasileiro (e aquí solo me salen tacos) que mesmo cando a escravitude estaba abolida seguía exercendo na clandestinidade. Foi inmensa a fortuna que o Souza “Chacha” fixo, tan inmensa que só varóns tiña máis de 80 fillos e todos ben mantidiños. Este señor era ben recoñecida e honorado polos mandatarios locais, así que, segundo o meu criterio estes eran igual de desalmados.

Pero como se pode, tratar ós teus irmáns como bestas?

Imaxino que parte dos cautivos eran cautivos de guerras, pero con todo, como podes querer tratar así a calquera ser humano? É atroz. Peor é que, de formas máis sutís, continuamos a pensar que non tódalas persoas somos igual de humanas.

A connivencia e complicidade tamén se atopaba nas divindades do Vudú. Os vendedores facían ofrendas á divindade encargada das boas ventas, así que a mesma cultura estaba a catapultar ós seus adeptos (e a moitas persoas que nin serían afíns a estes cultos).

A última imaxe que che quero ensinar, é dun edificio que non forma parte da Ruta. Pero é que me parece unha imaxe bastante metafórica.

0. Oficina de correos

Era o edificio onde se cuñaban, marcaban ás e ós escravizadxs. Cuñábanse para saber a que patrón pertencían e a que tarefas ían asignados.

Pódese ver o que nun tempo debeu ser un edificio esplendoroso, de corte colonial, que hoxe está en ruínas e ademais darredor está todo cheo de lixo. Que pode quedar de tales prácticas? Pois iso, ruína e lixo.

Antiga oficina de cuños - Ouidah

Rematamos a ruta volvendo á praia de Ouidah. Si queres, podes refacer a ruta na orde normal ou ler máis información pola túa conta. As miñas fontes foron o noso guía e outras persoas que fixeron esta ruta antes ca nós. Nada oficial. Si queres un documento máis riguroso (que ademais desfai algunha da info que eu comparto), podes lerte este, inda que aviso, está en Francés.

Só recordarche que hai cifras que falan de oitenta millóns de embarcados e cantos máis serían os que chegaron a Chachá e remataron na fosa común…

Sinto terche posto mal corpo, pero á vez é necesario que non nos escapemos desta crudeza. Estamos demasiado afeitas a que sexan “películas”, pero foi a dura realidade, parte da nosa historia.

Prometo na próxima semana compensar con algo máis alegre 🙂 Un exercicio de danza!

Abur!

P. D. Coñeces a alguén a quen lle poida interesar o que che vou contar nas próximas semanas? Reenvíalle e comparte, para que poidan deixarme o seu mail e facerllo chegar.

Para recibir os mails é tan só ir a TanTanLetter e deixar alí teu e-mail.

Próximas ocasións para bailar:

  • Información actualizada sobre os próximos cursos intensivos aquí.