Niketche Historia dunha poligamia de Paulina Chiziane

Pódenme as ganas de falarche de Niketche!

Ola caracola!

Dígome a min mesma: Taniña, tes que ceñirte á danza ou polo menos contar cousas chulas da rexión Malinké, pero cando aparece unha lectura como Niketche, non me podo resistir a compartila contigo.

“Niketche, unha historia de poligamia”, foi escrito por Paulina Chiziane, de Mozambique.

Como ves, non estou na rexión… Pero é que me encantou, aprendín moito!

Quen primeiro me falou de Paulina, foi a miña compi de habita durante The March, Rosa; tamén ela mozambiqueña.

Acertou con Paulina! Muller, sensible, investigadora das tradicións, coñecedora en primeira persoa…

Neste libro trata o tema da poligamia, que me interesa bastante. Teño curiosidade para entender ese sistema, para saber si as mulleres son felices.

Cóntocho en audio? Tamén podes seguir lendo 😉

A través da historia de Rami, a primeira muller dun matrimonio polígamo (non sei si teño que explicar que é só o home quen ten varias mulleres), achégaste ás emocións daquela que agarda, daquela que foi reemplazada, daquela que se sente traicionada.

A pesar de que Rami pensa nas outras mulleres como rivais, remata por crear lazos fraternais con elas e remata por entender que o inimigo non son as outras.

Con «Niketche, unha historia de poligamia», comprendes como a poligamia non é o simple feito dun home convivir con varias mulleres.

É toda unha institución recoñecida tradicionalmente, cos seus códigos, normas, valores… Un exemplo, para que me entendas: nun matrimonio polígamo as mulleres teñen distintos estatus segundo sexan a primeira, segunda, etc. Entre elas existe unha organización para compartir o seu marido e este debe responder a estas normas.

Entran neste xogo tamén a sogra, irmáns do marido e demais familia.

A través de Niketche, achégaste ás inxustizas dun machismo que para a miña mente, é esaxerado, no que por suposto as grandes perdedoras son as mulleres, pero tamén os homes. Entendes que as propias mulleres perpetúan o sistema ensinando as fillas a ser sumisas e ós fillos a non ter consideración.

En Mozambique hai distintas etnias, claro, pero hai unha gran distinción entre norte e sur.

No norte podes atopar un matriarcado: as mulleres teñen voz, opinan e son coidadas e consideradas. Cando casan, o novo lar atópase no pobo da muller. Unha muller separada non é mal vista, pois se entende que tivo varias experiencias, está enriquecida, foi desexada por varios homes.

O sur funciona como un patriarcado: as mulleres apenas teñen voz, non contan nas decisións, nin son tidas en consideración. Cando casan, van vivir ó pobo do marido, perto da familia do marido. Unha muller separada, é repudiada…

Norte mellor ca sur? Non é tan sinxelo. No norte, as mulleres están educadas para ser floriñas fermosas, o valor é pola súa beleza. Adícanse ós coidados da pel, dos cabelos. Aprenden as dotes do amor. Mais poucas van á escola e casan moi xóvenes.

Precísase ter moita sensibilidade, formar parte, ter sufrido, vivido e conversado moito para comprender as culturas de base que debuxan a ética e a moral, que obrigan a tomar decisións que a priori xogan na contra.

Brava Paulina!!

Comezaba dicíndoche que me estaba saíndo do territorio, mais moitos aspectos que relata Paulina, supoño que se poden levar ás familias polígamas que atopamos tamén na rexión Malinké.

Espero que che entre o gusanillo e preguntes polo libro na librería do teu barrio (moito mellor que buscalo en Amazon ;).

Que teñas unha feliz semana!

P. D. Tes algunha lectura recomendable? Nútrenos! Podes deixarnos a túa recomendación nos comentarios ou mandarme un mail a info@danzataniaveiga.com