Comer pouco non sempre adelgaza

Comes pouco e non adelgazas?

Comer pouco, non sempre adelgaza. Esta é unha realidade descoñecida por moitas mulleres e ten a súa explicación.

Quería abordar esta cuestión porque creo que esta é unha preocupación que moitas mulleres teñen na cabeza. 

Ben sei que é un tema tan amplio, que hai blogues enteiros centrados neste aspecto. Así que vou falar dun caso particular, que atañe só a un tipo de mulleres  (descoñezo si os homes entran tamén dentro deste patrón).

Antes de comezar, quería deixar ben claro que para min este non é un tema vital, non é unha preocupación que eu teña nestes momentos. E é que hai moito tempo que entendín que a miña alimentación debía considerala boa ou mala en función da súa calidade nutricional, en función do ben ou mal que pode facer ó meu organismo e non en función das calorías que me aporta.

Nin sequera considero que o ben maior que recibo da danza son as calorías que queimamos. Os beneficios máis importantes son outros e este é un ben colateral.

Pero repito, creo que é unha preocupación de moitas e creo tamén que algo teño que aportar. 

Podes seguir lendo ou escoitar o Podcast 😉

Fai bastantes anos, cursei na Universidade de Santiago de Compostela un mestrado en Medicina Natural, enfocado á atención primaria. Neste máster, achegámonos a distintos campos, entre eles a nutrición, onde aprendín o que che conto.

Considera que eu non son nutricionista nin dietista. Considera que falar de adelgazar é algo difícil e complexo, pois entran moitas variables en xogo a ter en conta para poder aconsellar axeitadamente: o teu metabolismo, a túa xenética, a túa idade, a túa educación alimentaria, os teus gustos, a túa psicoloxía… É ben complexo.

Pero bueno, creo que esto aporta, así que aquí vou:

Recoñeces algunha muller que entre dentro deste “formato”?

Son mulleres redondiñas na cintura e cadeiras, cas pernas desproporcionadamente máis delgadas. Tipo mazá con patas (e non é unha mofa). Ademais, son mulleres que non comen moito e suelen sentir fatiga. Tamén pode ser que as acompañen estados de tristeza-depresión-apatía.

Si non é o teu caso, quizais coñeces algunha. Eu dende logo identifico esto con bastante frecuencia.

Normalmente, estas mulleres nalgún momento das súas vidas colleron algo de sobrepeso (para elas, claro) e deciden limitar a inxesta de comida para baixar o exceso. Tras un tempo, o corpo comeza a pedir máis comida, así que precisan de moita forza de vontade.

Esta loita continua contra as demandas do corpo é agotadora, así que nalgún momento perden a forza de vontade. O resultado é que volven a gañar peso, se cadra máis aínda que o de partida ca consecuente culpabilidade asociada.

Acaban entrando nun ciclo de restrición calórica, seguido de momentos lambisqueiros; acompáñaas a culpabilidade e o peso á larga vai aumentando, con acúmulo de graxa, como che dicía, na cintura e cadeira.

Realmente, comen pouco pero non dan adelgazado, ¿por que?

Considera o seguinte: o noso organismo foise modificando e adaptando ás circunstancias que nos rodean ó longo dos nosos anos de evolución. Durante gran parte do noso desarrollo como humanos, as épocas de hambrunas eran habituais. Era habitual que houbera escaseza de alimentos.

O corpo tiña (e ten) ferramentas para pasar por estes momentos e seguir vivo: o metabolismo se ralentizaba, se entraba nunha especie de “modo mantemento” para non malgastar enerxía e acumular o que se puidera, para un futuro posiblemente peor.

A tristeza-depresión-apatía, normalmente traen consigo tamén a inactividade, así que forma parte deste mecanismo de supervivencia ante as épocas de vacas flacas.

Pois ben, cando reduces a inxesta calórica, estaslle a dicir ó teu corpo “eh, que ven unha época de vacas flacas” e o teu corpo responde acumulando o pouco que lle das e facéndote entrar en modo letargo.

Esto non nos acontece a tódalas mulleres e non teño nin idea de porque a algunhas si e a outras non.

O importante é que si estás nesta situación, identifiques esto e deixes de maltratarte.

Cal é a solución???? Alimentarte ben!!!!!!

E como é unha boa alimentación???

Esto é outro tema complexo, pero si queres saber a miña opinión sen entrar en detalle: aliméntate variado, cos alimentos que hai cerca do teu entorno e canto menos procesados, mellor.

E si gañas peso? Pois señorita, hai que move-lo cu. Claro, realizar actividades físicas, deportivas ou desta índole. Que hai moitas formas de facelo. Busca unha que sexa divertida, xa sabes, para non vencerte ante a primeira dificultade.

Así que, en principio, só che dou dous consellos que son demasiado xerais, xa sei, pero eu non son quen de afondar nesto: alimentarte ben e facer exercicio.

Engadiría un máis (tamén tan xeral que ata é odioso e soa a tópico): aprende a quererte, coñece a túa constitución e acéptate. Quizais nunca poidas chegar ós 90 – 60 – 90 pero estarás fabulosa nos teu 100 -800 – 110. Mira máis a túa saúde que o teu peso.

A única intención que teño ó escribir estas palabras é abrirlle os ollos a moitas mulleres, para que, polo menos, comecen a considerar outras formas de alimentarse e non sigan caendo no erro.

Comparte ou cóntallo ti si coñeces a algunha muller nesta tesitura.

Un abrazo e feliz semana!

P. D. Estarei feliz de leerte, si queres contarme algunha experiencia túa ou si tes coñecementos e podes aportar luz sobre este tema.

Si queres máis consellos máis particulares e específicos, poderei facer unha búsqueda por ti, pero creo que non vou ser a persoa máis axeitada para darchos. Acode a un/unha nutricionista.