Que significado teñen os caurís no Oeste de África

Falemos de diñeiro, Monetaria moneta, caurís!

Parece que me estou inventando eu a palabreja en cursiva anterior pero Monetaria moneta é o nome científico que teñen os caurís, que foron cartos!

En primeiro lugar, explicar que os caurís son as cunchas duns caracois de mar (moluscos) que viven nos océanos Índico e Pacífico. Realmente, a cuncha da que vou falar provén da especie Monetaria moneta que engloba diferentes subespecies. Pero vamos, que unha destas subespecies é o caracol que ten a cunchiña branca que está na foto (por si non a coñeciades).

Durante centos de anos, os caurís foron a moeda máis popular no oeste de África. Xa no século XIII estas cunchas debían ser portadas nunha longa travesía, eran outro dos elementos que conectaban as terras ó sur do deserto do Sahara con Asia. Mercaderes holandeses e ingleses flotaban barcos cheos de caurís dende Asia ata Guinea para mercar persoas e escravizalas, alá polo século XVI.

Os caurís non representaron unicamente moedas, tamén tiñan (teñen) atribuídos poderes máxicos e por suposto representan poder e recoñecemento social.

Algúns marabouts (curandeiros/adiviños/meigos do oeste de África) utilizan caurís nas súas adivinacións. Lánzanos sobre un tapete e según como caian saben o que teñen que saber 😉

Tamén podemos atopar caurís como adornos en máscaras, tallas de madeira, instrumentos musicais, roupa ou peiteados. Nestes casos cumpren unha función estética e a maiores empréganse porque aportan prestixio e protección fronte ós espíritos.

Cada vez vexo máis caurís nos complementos que se venden nas tendas (bolsos, cinturóns, pendientes, collares, etc), así que probablemente tes algún na casa ou viches a alguén portando caurís. Agora xa o sabes: valen máis ca un patacón, póñente guapx e protéxente do mal de ollo!

Que teñas unha feliz semana!