3 falsos mitos sobre a Danza Malinké

3 falsos mitos sobre a Danza Malinké

Sobre a idea da Danza Malinké hai bastantes falsos mitos ou falsas ideas.

Na segunda finde de xuño, asistín a uns cursos moi chulos que organiza Eva Azevedo chamados Viagem 24h África (si sigues a Eva Azevedo, enteraste das datas para o próximo ano, recoméndochos vivamente).

Este curso tiven a sorte de achegarme por segunda vez ás danzas de Benin, desta vez da man de Vincent Harisdo (por suposto, si tes ocasión de aprender del, aprovéitaa. Non é preciso que teñas experiencia).

Ademais de ensinarnos, xa non unhas danzas, senón unhas “formas de bailar”, explicou moitos aspectos da historia, estética e filosofía da “Danza Africana e Malinké”. Foi con el que se me viñeron abaixo un lote de ideas preconcebidas.

Aprecio enormente este tipo de información. Encántame cada vez que se me ven abaixo unha idea construída. E é que, estudando unha cultural tradicional allea á miña, cunha tradición oral é difícil ter ideas sólidas.

Así que o que che conto hoxe é resultado do que sei ata o día de hoxe. Ó mellor mañá aprendo algo novo e teño outros falsos mitos que contarche.

1. Cando nos achegamos á Danza Malinké, seguramente o primeiro termo que empregamos é o de Danza Africana.

De onde procede o termo Danza Africana?

Falar de Danza Africana é un erro, xa que no continente africano imos atopar un sinfín de danzas. Sería máis axeitado, en todo caso, falar de danzas africanas inda que realmente non sei moi ben que quedaría definido (coido que hai aspectos en común, pero entender esta identidade é difícil).

Desto xa falei noutro post, pero veño de novo a esta idea porque teño información nova.

Inda que non o creas, hai moita xente en Europa e Estados Unidos (e no resto do planeta, supoño que acontece algo parecido) que confunde o continente africano co país África (de feito, hai unha sección no xornal El País que se chama “África no es un país”).

Este erro na xeografía tamén fai que tendamos a uniformar a cultura africana e pensar que o que recibimos de África é representativo de todo o continente.

Ata aquí o xa coñecido.

O que foi a miña sorpresa foi o seguinte. Resulta que moitos africanos, debido a que non viaxaron e a que ata hai uns anos non era doado ver con soportes dixitais outras culturas, pensaban que a súa cultura era compartida polo resto do continente. Por eso, os primeiros bailaríns que chegaron a Europa nomearon as súas danzas de “Danza Africana” en lugar de nomeala en relación á súa etnia/país/cultura.

2. Na Danza Malinké bailamos cara a terra! FALSO

É certo que a posición básica é cos xeonllos flexionados e o torso inclinado cara a terra, pero tamén imos ó ceo.

Según Vincent Harisdo, a danza non ten sentido si rompe unha lóxica “corporal”. É de tolos pensar que para bailar durante horas debes adoptar unha posición que te acabará mancando.

Sempre que imos á terra (flexión), imos tamén ó ceo (extensión) e compensamos.

O que acontece é que a extensión é máis sutil ou máis breve e pasou inadvertida ante os primeiros europeos que ollaron para estas danzas con interés. As cámaras únicamente conseguían recoller a relación cara a terra.

E unha vez que dende Europa se construiu a idea de que a Danza Malinké era “terra” e a flexión era case continua, os africanos que practicaban estas danzas acolleron esta idea e comezaron a optar por unha maior flexión.

3. O movemento da cabeza é propio da tradición Malinké. FALSO

Si tes visto persoas da etnia susú bailando (e digo susús porque estes son quizais os que máis rápido se moven), quedarías impresionada polos movementos da cabeza.

A min me fascinan e agradecín moito cando aprendín a técnica que me permite mover a cabeza sen mancarme (non ca rapidez que teñen os susu eh…).

E é certo que este movemento se sinte moi Afro, pero non…. Foi unha creación recente, influenciada por coreanos (creo).

A cuadros? Eu tamén me quedei así cando no-lo contou Vincent.

Resulta que estaban preparando un dos ballets nacionais máis importantes (non lembro cal, sorry, pero no oeste de África) e quedaba bonito na coreografía un xogo de luces cas trenzas e rastas das cabezas movéndose frenéticas.

Despois do tour deste ballet, moitos bailaríns sofriron lesións nos seus pescozos. De feito, Vincent di que nalgún pobo de Guinea inda se ve algún ancián con collarín.

Esto xa é unha apreciación persoal. É certo que o movemento de cabeza continuado e forzado lesiona si o si. Pero tamén creo que hai técnica e que con esta técnica se pode mobilizar o pescozo sin magoarse (sempre cunha intensidade e repeticións moderadas).

P. D. Antes de que comecen as Aulas Regulares, organizamos en setembro unha xornada de convivencia arredor da cultura Malinké: KARANG. Durante unha fin de semana terás a oportunidade de achegarte á percusión e á danza e máis de poder saborear comida africana.

Creamos estas xornadas para ter un espazo de encontro entre as comunidade de interesadxs nesta cultura, un espazo de encontro do alumnado tras un verán sen case vernos.

Organízaas a Asociación Cultural Galinké (da que eu formo parte), así que as xornadas serán en Santiago de Compostela, na Escola Vella do Castiñeiriño.

Podes inscribirte antes do 5 de setembro. Aquí tes o formulario de inscrición onde tes tódolos detalles do programa (horarios, prezos, tipo de cursos…).