Memoria muscular con Tania Veiga profesora de Danza con base na Tradición do Oeste de África

Coñeces a memoria muscular?

Sorpréndeste ante a pregunta: que memoria che funciona mellor?

Ah, pensarás que me refiro á memoria visual, auditiva, sensitiva…

Pois non, non vou por aquí.

Cres que si sabes andar en bici despois de 20 anos sen subir nalgunha, é gracias á túa memoria cerebral?

Temos MEMORIA MUSCULAR!!

Neste vídeo explícoche como funciona a memoria muscular e como che axuda como bailarín/a.

Sorpréndeme que moitas persoas que se dedican a facer actividades físicas non coñezan a memoria muscular. Máis me sorprende inda que os mestres non lle falen xs alumnxs desta memoria e non a consideren á hora de debuxar o seu método de ensino (a actividades físicas me refiro).

A memoria muscular é de gran axuda. Gracias á memoria muscular recordas movementos de danza que non practicaches en tres meses ou sabes andar en bici inda que haxa 30 anos que non colles unha bici.

Co exemplo seguinte creo que me entenderás mellor:

Cando comezamos a escribir, comezamos letra a letra. Son moitos músculos implicados para poder facer unha sola letra. É unha novidade para o noso cerebro coordinar todos eses músculos para poder debuxar unha “a”.

Ca práctica todos eses mini movementos se integran para poder debuxar fluidamente unha “a” ou outra letra calquera. Con máis práctica a nosa escritura será fluída, ata que escribimos textos sen pensalo, sen dificultade algunha.

E camiñar? Cantos músculos están implicados no noso camiñar. Se tiveramos que pensalos todos, voltaríamos a camiñar como cando demos os primeiros pasos.

Cres que algunha vez se che vai esquecer (libre de doenzas) camiñar? Difícil. Telo feito taaaaaantas veces que está gravado profundamente.

Por iso tamén nos é tan difícil cambiar hábitos posturais. Nunca tes ido a un/unha fisio, osteópata, quiropráctico… que che indica que tes mala postura e que deberías correxila? Camiñar máis dereito, ombros atrás, … Acaso non é dificilíiiiiisimo cambiar esto?

Claro, porque levas anos con esa postura, porque o teu corpo xa ten unha estrutura muscular gravada e modificala é tarea árdua.

Vamos agora ó campo que nos atañe aquí: a danza. Que sería dos bailaríns sen a memoria muscular!

Cres que sería posible facer calquera coreografía si tes que recordar tódolos micro e macro movementos que fas con todo o corpo durante… 5, 20, 60 minutos?

Agora xa o sabes, a base de repeticións, estás permitindo que o corpo integre todos eses movementos para non ter que “pensalos”.

Por iso, cando comezas a facer un movemento novo, é difícil coordinar o que fan as pernas e o que fan os brazos. Pero así que controlas o que fan as pernas, podes integrar o que fan os brazos e a base de repeticións, o movemento remata por ser un movemento único con tódolos músculos integrados.

Comprendes esto? Pois daquela encantaríame que deixaras de pensar que ti non eres capaz de bailar ou que tal movemento non che sae.

Só necesitas confiar, repetir e un/unha profe que che ensine os movementos por capas, pouco a pouco.

Nas miñas clases, a memoria muscular posúe un papel primordial na aprendizaxe. O método que utilizo baséase en dous principios: ensinar o movemento capa a capa e en repetir os movementos, para xustamente, poder apoiarnos na memoria muscular.

Considero que desta forma é como melloramos tamén a nosa coordinación.

Esto era o que quería comentarche hoxe. Recorda que ti tamén posúes memoria muscular e que esta xoga ó teu favor!

Feliz semana!

Si tes comentarios, non dubides en deixalos embaixo.

Por suposto, si coñeces a alguén que lle poida interesar este post, podes compartilo, ambxs cho agradecemos.

Que teñas unha feliz semana!